Saturday 18 de May de 2024

Medio Ambiente vén de iniciar o período de información pública do borrador do Plan de Residuos Industriais de Galicia 2016-2022


O Plan de xestión de residuos industriais de Galicia (PRIGA) 2016-2022 está chamado a ser a folla de ruta na xestión dos residuos industriais no territorio galego para os próximos sete anos

A Xunta de Galicia vén de publicar no portal web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio o borrador do Plan de Residuos Industriais de Galicia (2016-2022) (http://bit.ly/1Q8IRO5), co que se inicia o proceso de información pública establecido na Lei 21/2013, de 9 de decembro, de avaliación ambiental.

O borrador de Plan constituirá o marco de referencia na planificación da xestión dos residuos industriais en Galicia, achegando conceptos, principios e estratexias a adoitar na correcta xestión de residuos industriais nos próximos anos.

Así, na páxina web da Consellería pode consultarse a documentación, que estará a disposición do público para facer achegas ata o 8 de marzo. A partir deste momento, a Xunta analizará as alegacións presentadas, co fin de elaborar a memoria ambiental que incorporar aquelas que melloren o documento que pasará a ser o documento definitivo. As previsións da Xunta son aprobar este documento no outono do 2016, co que se culminará unha importante tarefa en materia de planificación e xestión de residuos e se dará cumprimento á Directiva marco de residuos

Da diagnose inicial pode concluírse, entre outras cousas, que seguimos unha tendencia positiva na evolución da redución de produción de residuos, grazas a un aumento na prevención de residuos e na substitución de materias nos procesos produtivos que redundaron nunha menor xeración de residuos perigosos, así como a regulación do consumo que se traduciu nunha redución de xeración de residuos.

Por outra banda, tamén se definirá unha estimación sobre a xeración futura de residuos de no caso de aplicarse as medidas recollidas nesta folla de ruta. Así, debúxanse dous escenarios:
– Escenario de estabilidade na xeración de residuos. A partir da evolución da tendencia de produción de residuos nos últimos anos estimarase unha progresión na produción de residuos que tende á estabilidade nun entorno de lixeiro crecemento económico e actividade para o período 2016-2022.

– Escenario agardado. Neste caso estimarase unha redución na produción de residuos para o período, en consonancia cos obxectivos marcados no PRIGA e un crecemento económico moderado.

Por tipoloxía de residuo, os de construción e demolición son os maioritarios en canto ao seu volume de produción, seguido dos residuos derivados de procesos térmicos. As provincias de Coruña e Pontevedra seguen a concentrar a produción do 89% dos residuos industriais. Dos residuos xerados en Galicia, aproximadamente o 22%, saen do territorio galego para ser valorizados ou eliminados, fóra das nosas fronteiras, pola contra, existe unha porcentaxe similar de residuos xerados fóra que son tratados de forma definitiva no noso territorio.

En relación co tratamento, os residuos non perigosos, un 86%, recíclanse ou valorizaranse, mentres que a porcentaxe restante son eliminados; no caso dos residuos perigosos, a porcentaxe de residuos recuperados elévase a máis dun 50%.

Sobre as infraestruturas de xestión existentes, existe unha ampla rede de xestores con instalacións con capacidade suficiente para a práctica totalidade dos residuos producidos. Na actualidade, están inventariadas 400 instalacións de tratamento de residuos autorizadas, cuxo volume de tratamento segundo o residuo tratado.

O documento inicial do PRIGA 2016-2022, incorpora os seguintes principios reitores:
– Xerarquía de residuos.
– Autosuficiencia e proximidade.
– Principio de quen contamina paga.
– Responsabilidade ampliada do produtor do produto.
– Loita contra o cambio climático.
– Eficiencia no uso de recursos.
– Responsabilidade compartida.
– Facilitar o acceso á información.

Entre os obxectivos estratéxicos pódese destacar:
– Implicar a todos produtores e consumidores na prevención de residuos.
– Mellorar a I+D+I no campo da prevención.
– Mellorar e automatizar as ferramentas de información administrativa.
– Recuperar a maior parte dos materiais contidos nos recursos.
– Minimizar ao máximo posible a eliminación de residuos.
– Reducir os efectos a nivel de cambio climático.
– Tender ao establecemento da economía circular.

Solos contaminados
O Plan de residuos industriais de Galicia tamén pon o foco sobre a situación dos solos en Galicia e as actividade contaminantes que se desenvolven. O PRIGA xa identifica un total de 540 plans de vixilancia e control con medidas de actuacións específicas para paliar e mellorar a situación dos solos.

Loita contra o cambio climático
O Plan avaliará o efecto que a xestión dos residuos ten sobre o cambio climático. No período 1990-2012 obsérvase un incremento do 6,3% nas emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI). Con respecto ao sector residuos (incluído o tratamento de augas residuais) o aumento é do 39,3%, representando no seu conxunto o 1,4% das emisións de GEI de Galicia.

En liña do exposto, o PRIGA recollerá obxectivos vinculados á loita contra o cambio climático, constituíndo unha ferramenta que a través do control da produción e xestión de residuos, pode contribuír activamente á redución das emisións de GEI.

Así mesmo, en liña co que establece o Plan estatal marco de residuos 2016-2022, o PRIGA recollerá criterios de situación de emprazamento de futuras instalacións de xestión de residuos.

En canto aos efectos sobre o emprego, incorporarase unha análise da evolución do “emprego verde” dos últimos anos, destacando a alta potencialidade do PRIGA como ferramenta de creación de emprego.